O PP trae a tres diputados do Congreso para dar a coñecer a problemática da veciñanza de San Esteban de Negros coas obras do Ave.
 

Escoitar os problemas polos que están a atravesar os veciños da parroquia de San Esteban de Negros debido ás obras do AVE foi o obxectivo da xuntaza celebrada esta mañá na sede do Partido Popular de Redondela. Como ben explicou a presidenta do PP local, Francisca Canal, “ante esta total situación de indefensión, e ao marxe da política, nós estamos aquí para traballar por e para os nosos cidadáns”.

Os concelleiros populares estiveron acompañados por Ana Pastor, María Ramallo e Jesús Pérez Arca, deputados no congreso pola provincia de Pontevedra, que atenderon as demandas dun grupo de persoas en representación dos afectados coa finalidade de "levar a vosa voz a onde

sexa necesario para resolver o problema", sinalaba Pastor. " É o noso deber e responsabilidade levar ao parlamento da nación as vosas inquedanzas para que se saiba que é o que realmente está a suceder en San Esteban de Negros e de que xeito se pode solucionar", engadía.

Os afectados pola súa parte entregáronlle un dossier coa relación de problemas que están a sufrir por mor destas obras que atentan, sobre todo, contra a saúde pública: alerxias, insuficiencias respiratorias, estrés, etc. Ademais, existen vibracións, fortes ruidos, as barreiras metálicas de protección son insuficientes, a presenza de camións é excesiva e incluso unha veciña asegourou levar dous meses sen auga.

A todo isto engádeselle, segundo o comunicado popular, que os veciños denuncian o non cumprimento coa legalidade, sen respetar os puntos do estudo, como o feito de traballar as 24 horas do día, e modificando o proxecto ambiental. Neste senso, Francisca Canal lembrou a moción presentada polo Partido Popular, en agosto do pasado ano, na que se solicitaba a creación dunha comisión de seguimento das obras do AVE na parroquia de San Esteban de Negros coa finalidade de comprobar a súa evolución, vixiar que non existise ningunha modificación respecto do proxecto inicial e facer cumprir as medidas correctoras para garantir a protección de ruídos e vibracións en áreas habitadas. A moción non se levou a cabo e o que se constituíu foi unha comisión política e non técnica, feito que levou á situación actual, pois “sen a presenza do arquitecto ou aparellador nin tampouco dun representante de Fomento, que dese traslado dos estudos e informes obrigados a elaborar ó longo da execución das obras garantindo a seguridade e a boa evolución das mesmas, era evidente o que sucedería”, sinala Canal.

Os veciños da parroquia nunca se amosaron en contra das obras pero ante esta situación reivindican calidade de vida. Xa enviaron un informe ao defensor do pobo e agora estúdiano levar á Unión Europea. Ante esta situación, Ana Pastor, María Ramallo e Jesús Pérez comprometéronse a presentar unha proposición non de lei, “instando ao Goberno a que nos informe e pedindo explicacións para logo trasladárvolas”, apuntaba Pastor.

Pola súa parte, o Partido Popular de Redondela insta ao alcalde, Xaime Rei, a reflexionar sobre a cuestión, “porque están nas súas mans as accións que se deben levar a cabo para rematar con esta situación. Porque os veciños merecen respecto”, conclúe Canal.


(VigoMetropolitano.com, 12/09/09)